Wednesday 01 de May de 2024

Feijóo enxalza o valor da arquitectura para definirnos como somos, un pobo aberto que nunca renuncia a achegar a súa cultura ao gran río da cultura universal


Destaca que Manuel Gallego logra superar en cada obra a tensión entre a arquitectura case espontánea que floreceu noutros tempos en Galicia e a evolucionada, que sitúa á Comunidade no “Olimpo internacional dos arquitectos”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o valor da arquitectura para definirnos como somos: un pobo aberto que nunca renuncia a achegar a súa cultura ao gran río da cultura universal, nin tampouco a apropiarse honestamente de elementos culturais alleos.

“A casa labrega como lugar de convivencia familiar, a igrexa parroquial como espazo comunitario, o castelo como símbolo de dominio e despois de revolta cos Irmandiños, e o faro como anticipo do desexo de conquistar pacificamente outros mundos. En cada unha delas houbo un desexo de ampliar comunidade”, expuxo, referíndose especialmente ás pontes, por onde transitaron homes e mulleres que superaron unha xeografía separadora.

Durante a presentación do quinto número da revista Archives, dedicada ao traballo de Manuel Gallego Jorreto, Feijóo referiuse aos numerosos premios e distincións que recibiu este arquitecto galego, destacando, entre outros, o Premio Nacional de Arquitectura en 1997 pola obra do museo de Belas Artes da Coruña, que representa, segundo explicou, esa confluencia entre o pasado e presente tan propia do noso.

“Manuel Gallego axúdanos a regresar sempre a Galicia. Sempre hai na súa obra unha Galicia que nos espera”, aseverou, gabando ademais o feito de que logre superar en cada obra esa tensión entre técnica e arte, e entre a arquitectura case espontánea que floreceu noutros tempos en Galicia e unha arquitectura evolucionada, que sitúa á Comunidade no “Olimpo internacional dos arquitectos”.

O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que o arquitecto non se sente cativo dunha moda, dunha escola ou mesmo das súas obras precedentes, “senón que proxecta e constrúe tendo como divisa esa teima por mellorar a vida humana”.